Galicia Suma

Cruz vermella

Web oficial de Cruz Vermella Española en Galicia

Moito máis que un traballo

Ademais dun dereito universal, o traballo é unha das principais vías para a integración social. Hoxe en día, un emprego é moito máis que un medio para obter ingresos: é o xeito que, a meirande parte das persoas, temos para acadar a nosa propia autonomía e independencia económica. Por este motivo, a falta de emprego ou a precariedade laboral teñen consecuencias que van máis alá do económico: a través do emprego unha persoa participa nos procesos sociais, políticos, culturais... En definitiva, contribúe ao desenvolvemento económico e social.

Pero non todas as persoas teñen as mesmas oportunidades para acceder a un posto de traballo. Persoas desempregadas, de longa duración, mulleres, persoas inmigrantes, solicitantes de asilo, persoas sen fogar, aqueles que abandonaron o sistema educativo ou teñen baixa cualificación... todas elas son vulnerables respecto ao emprego. E iso aumenta o seu risco de pobreza e exclusión.

Cruz Vermella, no seu compromiso coa igualdade de oportunidades e de trato, adica parte dos seus esforzos a que estas persoas de difícil inserción poidan, en igualdade de condicións, acceder e manter un emprego normalizado, e deste xeito acadar moito máis que un traballo.

Os nosos recursos

A aportación do Fondo Social Europeo, a través do seu Programa Operativo de Inclusión Social e Economía Social (POISES) e Programa Operativo de Emprego Xove (POEJ), permitiu a posta en marcha do Plan de Emprego de Cruz Vermella no ano 2000. Dende entón mantense coma a principal fonte de financiación, aportando a estabilidade necesaria cando se traballa con iniciativas que ofrecen resultados a medio e longo prazo.

Aínda así, todo o desenvolvemento da nosa actividade e os resultados obtidos non serían posibles sen a aportación de fondos por parte dun amplo número de entidades públicas e tamén privadas.